Páxinas

mércores, 14 de agosto de 2013

Día 10: unha Muiñeira de Chantada para despedirse!

A de onte foi unha noite chea de sorpresas e boa música. A primeira delas chegou carretada polos nosos amigos Os Sin Son, que quedaron finalistas no concurso Loïc Bresson, organizado polo Festival de Lorient. Brincaron ata o cuarto posto, por diante de 16 grupos que participaban.

Os Sin Son no camerino. Foto: Alba Otero










Foto: Alba Otero













Foto: Alba Otero

Nada máis sabelo fomos celebralo. Primeiro achegámonos ao concerto dunha das grandes, Sinead O'Connor!

Foto: Alba Otero




Foto: Alba Otero















E de seguido, acudimos ao pavillón de Galicia. Aló gozamos da música dos d'Abaixo e despois argallamos unha foliada cos nosos amigos de Traspés.


Foto: Alba Otero


Xa na mañá de hoxe, tocamos no noso último pasarrúas e última, tamén, actuación en Lorient. Poucas horas nos quedan xa para rematar esta experiencia. Na xornada de mañá colleremos o ferri no que emprenderemos rumbo á casa!

Foto: Alba Otero





sábado, 10 de agosto de 2013

Día 9: De Forcarei a Saint Michel

Hoxe amencimos todos con poucas horas de sono e moitas de música no corpo. 

A actuación de Os d'Abaixo na carpa Galicia foi toda unha festa, ata conseguimos que parte do público se animase a bailar connosco varias pezas. Xa de madrugada, algúns de nós fomos ata un dos bares máis antigos de Lorient, onde Os d'Abaixo facían foliada. Un par de temas e conversas e ces't fini!

Pola mañá madrugamos de novo para emprender a viaxe cara ao Mont Saint Michel, na rexión da Baixa Normandía. Considerado patrimonio da humanidade, o conxunto está edificado nunha illa antigamente inexpugnable, rodeada completamente polo mar. Nós puidemos acceder aproveitando a marea baixa, e unha vez arriba a vista non era quen de abarcar a beleza das maresmas e as impoñentes pedras da abadía. 

Aquí vos deixamos unhas fotos da excursión express:



Agora marchamos correndo ó concerto dos SIN SON, que quedaron finalistas no concurso Loïc Bresson! Gañen ou non gañen, habemos animar e bailar con forza, que non se pasa á final todos os días! Como recordatorio, podedes ver este vídeo da súa anterior actuación. 

E para rematar, como o prometido é débeda, aquí tedes a Rocío e Martín explicándonos como foi un dos pasarrúas e o paseo en barco pola Ruta da Amizade. Mañá máis! 

venres, 9 de agosto de 2013

Día 8: sidra e festa!

A noite de onte rematou moi tarde -ou a mañá de hoxe comezou demasiado cedo-, porque despois da nosa derradeira Nuit Interceltique agardábanos unha boa sorpresa.

Foto: Alba Otero García


A carón do Stade du Moustoir, os nosos compatriotas asturianos, aos que se lle dedica esta 43ªedición do Festival de Lorient, tiñan preparada unha gran festa! Voluntarios, músicos e bailaríns...alí nos xuntamos todos. E por suposto, non faltaron nin as gaitas nin a sidra. Como resultado, gozamos de foliadas improvisadas e compartimos conversas con compañeiros bretóns, irlandeses, escoceses, asturianos...

Foto: Celia Parra Díaz

Por sorte, o día de hoxe está a ser máis tranquilo. Agora mesmo, estamos a tocar unha vez máis polas rúas de Lorient, nun pasarrúas que rematará xunto a carpa de Galicia.

Foto: Celia Parra Díaz

Alí mesmo, contra a noitiña, a nosa compañeira Marcela, subirá ó torreiro con Os d´Abaixo, grupo galego que tamén participa no Festival.

De seguido, deixámosvos algunhas das fotos de onte, da nosa aventura no barco.
Foto: Irene Rodríguez


Banda de gaitas de Forcarei cos donos do barco. Foto: Irene Rodríguez

   
Foto tirada dende o móbil


Para mañá prometemos novas fotos e novos vídeos!

xoves, 8 de agosto de 2013

Día 6 e 7: Xornadas intensas!

A xornada de onte e o día de hoxe están a ser emocionantes e moi intensos!

Ás seis da tarde celebrouse a semifinal do Trophée de musique celtique Loïc Raison. Nós achegámonos á Quai de la Bretagne -onde tiña lugar- para animar, especialmente, a un dos grupos que participaron: os Sin Son. Deixámosvos aquí un vídeo, porque seguro que vos soan as súas caras...

Foto: Celia Parra Díaz
Xa pola noite, acudimos á nosa terceira Nuit Interceltique. Ademais de falar coa televisión francesa France Trois, tocamos un par de pezas xunto os Trespès e saimos moi contentos. Podedes ver aquí a Cristian e Paula, logo da actuación.

Foto: Celia Parra Díaz

Foto: Alba Otero 


Despois volvimos para a residencia; hoxe agardávanos cedo a mañá. Primeiro tivemos un desfile arredor do recinto do Festival e xa, despois de comer, tivemos unha actuación moi especial: algúns da banda subímonos a un barco da época de Charles de Gaulle, considerado Patrimonio Nacional, que se converteu no noso escenario!

Agora esperamos xa á noite, con ilusión, pero tamén con algo de tristura: hoxe será a nosa derradeira Nuit Interceltique no Estade du Moustoir.  
Foto: Alba Otero 


mércores, 7 de agosto de 2013

Días 5: tardiñas de pasarrúas e noites de espectáculo!

E continuamos facendo soar a nosa música por Lorient! 

Logo dun día de descanso, onte á tardiña un desfile levounos marcando o paso polas rúas da vila. Aquí o público responde de marabilla, escoitan sorrintes e aplauden a rabiar. Mesmo nos pediron que tocaramos un par de pezas máis ao remate e moitos quixeron sacar fotos con nós! Na parada final, a carpa de Galicia, agardábanos a alcaldesa de Forcarei cargada de felicitacións e ánimos para continuar a andaina.

Xa pola noite, entramos con forza unha vez máis no escenario do Stade du Moustoir.

Foto: Celia Parra Díaz

É a segunda vez que tocamos nel, pero non deixa de impresionarnos. E onte, na nosa segunda Nuit Interceltique, o estadio estaba cheo de xente. Desta volta, deixámosvos a nosa actuación gravada dende un lugar privilexiado das bancadas.  


luns, 5 de agosto de 2013

Día 4: Chegamos á Nuit Interceltique!

Trala Grande Parade, a xornada de onte acabou marcada polo ritmo dos roncos e tinguida coas cores dos fogos artificiais. Ás dez da noite comezou a nosa primeira Nuit Interceltique, un impresionante espectáculo no que nos xuntamos grupos de varios dos países celtas: Asturias, Gales, Escocia, Irlanda, Bretaña e Galicia.

A actuación celebrouse nun lugar tan inmenso e espectacular como é o Estade du Moustoir -Estadio de Moustoir- . E xunto a nós, acompañándonos no baile, tivemos ao grupo Traspès de Vigo (mañá habemos subir un vídeo coa actuación conxunta. Polo de agora deixámosvos  uns minutiños da nosa).

O espectáculo rematou contra a unha da madrugada con fogos de artificio, pero a festa continuou ata ben máis tarde, cunha foliada improvisada polos Traspès e nós. 
Hoxe, toca día de descanso; mañá, continuaremos afinando!

domingo, 4 de agosto de 2013

Día 3: A Grande Parade!

Esta mañá de domingo espertou ben cedo para asistirmos á Grande Parade! Un impresionante desfile no que participamos todos os grupos convidados ó Festival de Lorient, un total de 72. Durante toda a mañá milleiros de persoas foron chegando e acubillándose na beira das rúas para recibirnos, escoitarnos e aplaudirnos. 
Foto: Alba Otero García

O percorrido comezou no Stade du Moustoir -estadio de Moustoir- e rematou xunto o porto de Lorient. Dous kilómetros e medio de pasarrúas nos que tocamos pezas como o Entrelazado de Allariz, Farruquiña chaman á porta ou o  Pasucais de Mieres. Neste vídeo, Lara, Marcela, Esperanza e Andrea cóntannos como foi.


Foto: Alba Otero García

Arestora estamos xa ensaiando a actuación desta noite que formará parta da segunda Nuit Interceltique, na que ademais de música haberá un espectáculo de fogos artificiais. 



Foto: Celia Parra Díaz



Foto: Celia Parra Díaz
Foto: Celia Parra Díaz











Foto: Alba Otero García

Día 2: comezan as actuacións!

Hoxe amencimos cheos de enerxía. Logo de quecer motores onte á noite no concerto do Linho do Cuco (e mesmo amenizar con bailes e festa rachada o pavillón Galicia) hoxe tocaba coller con forzas o primeiro día grande. 

Erguémonos cedo para ensaiar a primeira das nosas actuacións en Lorient. Afinamos gaitas e bombos; repasamos o almidón das saias e coas monteiras ben no alto collemos rumbo cara o Espace Marine. Minutos antes da actuación, Raquel comentábanos as súas impresións.

Alí agardábannos máis de 2000 persoas. Xotas, muiñeiras, valses, rumbas e alboradas soaron no escenario durante 45 minutos de actuación. Como non, unhas das pezas que non puidemos deixar no tinteiro foi a Muiñeira de Chantada, en honra a Avelino Cachafeiro, "O gaiteiro de Soutelo". Desta volta, dous bailaríns do grupo de Vigo Traspés acompañáronnos na peza. Deixámosvos unha proba da actuación.

 

Foto: Celia Parra Díaz

venres, 2 de agosto de 2013

Día 1: Bonjour Lorient

Día 1. Bonjour Lorient        
Foto: Celia Parra Díaz

     
Tras 24 horas de autobús e logo de recorrermos coa mirada o norte da Península continuamos brincando ata o noroeste galo. E chegamos, finalmente, a Lorient. Foron case 1500 kilómetros nos que tivemos tempo para rir, darlle unha última volta ó repertorio e durmir.

Hai un par de horiñas só que aterramos, pero xa tivemos tempo para comer e entrar en contacto con xente doutros grupos e países. A viaxe deixounos algo cansos, pero logo cargamos as pilas para gozar do primeiro día do Festival de Lorient. Hoxe á noitiña poderemos ver o concerto do Linho do cuco, outro dos grupos galegos que participa no festival.


Polo momento, nosoutros, deixámosvos un pequeno petisco do comezo desta aventura. Saboreádeo