Páxinas

domingo, 4 de agosto de 2013

Día 3: A Grande Parade!

Esta mañá de domingo espertou ben cedo para asistirmos á Grande Parade! Un impresionante desfile no que participamos todos os grupos convidados ó Festival de Lorient, un total de 72. Durante toda a mañá milleiros de persoas foron chegando e acubillándose na beira das rúas para recibirnos, escoitarnos e aplaudirnos. 
Foto: Alba Otero García

O percorrido comezou no Stade du Moustoir -estadio de Moustoir- e rematou xunto o porto de Lorient. Dous kilómetros e medio de pasarrúas nos que tocamos pezas como o Entrelazado de Allariz, Farruquiña chaman á porta ou o  Pasucais de Mieres. Neste vídeo, Lara, Marcela, Esperanza e Andrea cóntannos como foi.


Foto: Alba Otero García

Arestora estamos xa ensaiando a actuación desta noite que formará parta da segunda Nuit Interceltique, na que ademais de música haberá un espectáculo de fogos artificiais. 



Foto: Celia Parra Díaz



Foto: Celia Parra Díaz
Foto: Celia Parra Díaz











Foto: Alba Otero García

Día 2: comezan as actuacións!

Hoxe amencimos cheos de enerxía. Logo de quecer motores onte á noite no concerto do Linho do Cuco (e mesmo amenizar con bailes e festa rachada o pavillón Galicia) hoxe tocaba coller con forzas o primeiro día grande. 

Erguémonos cedo para ensaiar a primeira das nosas actuacións en Lorient. Afinamos gaitas e bombos; repasamos o almidón das saias e coas monteiras ben no alto collemos rumbo cara o Espace Marine. Minutos antes da actuación, Raquel comentábanos as súas impresións.

Alí agardábannos máis de 2000 persoas. Xotas, muiñeiras, valses, rumbas e alboradas soaron no escenario durante 45 minutos de actuación. Como non, unhas das pezas que non puidemos deixar no tinteiro foi a Muiñeira de Chantada, en honra a Avelino Cachafeiro, "O gaiteiro de Soutelo". Desta volta, dous bailaríns do grupo de Vigo Traspés acompañáronnos na peza. Deixámosvos unha proba da actuación.

 

Foto: Celia Parra Díaz

venres, 2 de agosto de 2013

Día 1: Bonjour Lorient

Día 1. Bonjour Lorient        
Foto: Celia Parra Díaz

     
Tras 24 horas de autobús e logo de recorrermos coa mirada o norte da Península continuamos brincando ata o noroeste galo. E chegamos, finalmente, a Lorient. Foron case 1500 kilómetros nos que tivemos tempo para rir, darlle unha última volta ó repertorio e durmir.

Hai un par de horiñas só que aterramos, pero xa tivemos tempo para comer e entrar en contacto con xente doutros grupos e países. A viaxe deixounos algo cansos, pero logo cargamos as pilas para gozar do primeiro día do Festival de Lorient. Hoxe á noitiña poderemos ver o concerto do Linho do cuco, outro dos grupos galegos que participa no festival.


Polo momento, nosoutros, deixámosvos un pequeno petisco do comezo desta aventura. Saboreádeo! 


mércores, 31 de xullo de 2013

Día 0

Día 0. Forcarei
                

Escaleiras enriba, de camiño ao norte e preto do mar, agárdanos a Bretaña. 

Neste blogue iremos marcando o pulso da nosa andaina, día a día, nun dos festivais celtas máis coñecidos e importantes do mundo: o Festival Intercéltico de Lorient. 

As nosas gaitas, tambores e pandeiretas han sonar ben forte aló arriba. Para sentilas máis preto, seguide o ritmo do bombo que tocará unha vez por día nestas páxinas: esta será a partitura que empregaremos para contarvos e cantarvos como vai todo polas terras de Lorient.